No medio da década de pólvora, sangue e barbarie na que se disolveu
Iugoslavia, en xullo de 1995, para ser precisos, o exército serbio de Bosnia,
comandado polo coronel Ratko Mladic, entrou na declarada pola ONU zona segura
de Srebrenica, facéndose, primeiro, co control da cidade e logo deportando ás
mulleres bosnio-musulmanas, que fuxiran da mesma e se atopaban dentro ou ás
portas da base militar neerlandesa de cascos azuis, teóricos responsables da
zona e da protección da poboación civil. Os homes foron asasinados, co fin de
levar a cabo unha limpeza racial. A comunidade internacional, ese concepto, non
fixo nada. Srebrenica foi testemuño do maior asasinato masivo acometido, nisto
que damos por chamar Europa, dende o final da II Guerra Mundial. Mladic e Radovan
Karadzic, líder político dos serbios de Bosnia e considerado autor intelectual
da masacre, non foron detidos polo estado de Serbia ata 2011 e 2008,
respectivamente. Ambos foron xulgados polo Tribunal Penal para a Antiga Iugoslavia
(TPIY). Na actualidade están a cumprir sendas condenas a cadea perpetua.
O filme de ficción bosnio Quo Vadis, Aida? aborda o acontecido
durante eses días de verán en Srebrenica. E faino a través da historia dunha profesora
bosnio-musulmana, Aida, que traballa como tradutora para os cascos azuis e,
polo tanto, goza de protección como persoal da ONU. Ao longo dos días que
transcorren dende a chegada de Mladic á cidade e o asasinato dos homes
musulmáns, vemos, a través dos seus ollos, como se vai cociñando a masacre e,
subsidiariamente, tamén por medio dos do seu marido, que, licencia narrativa,
participa na conversa entre o militar ao mando das tropas da ONU e o coronel
serbio-bosnio. A mesma, gravada por orde de Mladic, supuxo, basicamente, unha
rendición dos cascos azuis e, polo tanto, da ONU. A continuación non so non se
protexeu á xente que se apiñaba ás portas da base, senón que se permitiu o
acceso das tropas serbio-bosnias ás instalacións das Nacións Unidas, coa escusa
de buscar armas entre a poboación e, finalmente, expulsouse do lugar ás persoas
alí refuxiadas. A cambio, Mladic asegurou que toda a xente ía ser enviada a
territorio controlado polos bosnio-musulmáns. Obviamente mentía. E as forzas de
paz sabíano.
Esa é, basicamente, a tese que expón e defende a cineasta Jasmila Zbanic en
Quo Vadis, Aida? En Srebrenica cometeuse unha matanza na que foron
asasinadas milleiros de persoas e a ONU mirou para outro lado, a pesar de que o
fixeron, case literalmente, nas súas narices. Isto, é dicir, ser unha película
de tese, que estrutura o relato en torno á demostración da mesma, tomando
partido de forma manifesta e militante pola causa bosnio-musulmana, podería ser
a maior debilidade do filme. Sen embago, Zbanic logra convertelo nun acerto
porque se agradece a honestidade da cineasta e porque precisamente iso, ser
honesta, é o que lle permite realizar un filme denuncia no que os serbios se
amosan como viláns, e o mundo como cómplice, maniqueo, si, pero non
manipulador, que vai de fronte durante as case dúas horas de duración. De
feito, que Zbanic decidira relatar o acontecido en Srebrenica a través da
ficción, unha reconstrución ficticia obviamente pegada á realidade, pero que
inventa personaxes e simula situacións, en vez de empregar a linguaxe, os códigos
e os procedementos do cinema documental é, tamén, outro acto que honra a súa
mirada. Quo Vadis, Aida? non busca contar a verdade, senón expor o que a
cineasta, fielmente documentada, considera que é a verdade sobre a que se
cimenta a memoria do seu pobo.
A maiores, tamén poderíamos reflexionar sobre se ao mellor, nese instante
preciso da Historia, os serbios foron, efectivamente, a reencarnación do Mal,
sen ambaxes, e as potencias globais deixaron que o fosen, case ante os nosos
ollos. Cómplices silenciosos da barbarie. Neste senso, non é casual que Zbanic
amose sempre ao Mladic ficcionado pegado a un cámara que viaxa con el,
rexistrando a gran vitoria da nación serbia. O xenocidio si será televisado e
estaremos tan anestesiados ante a dor e a violencia que nos dará igual.
Outra cuestión sería entrar a analizar a fondo as guerras balcánicas, causa
e consecuencia da desintegración de Iugoslavia, que se estenderon por toda a
década dos 90. Para facer iso precisaríamos unha serie de moitas horas. Tódalas
guerras son complexas. Sobre todo no terreo das causas. Como chegamos a isto?
Pero as guerras iugoslavas o son máis aínda. Porque nelas combináronse
cuestións raciais, relixiosas, territoriais, nacionais e históricas. Unha
tormenta perfecta que arrasou con toda a humanidade das persoas e levou a
veciños asasinar a veciños, como nas máis cruentas guerras civís. Tendo en
conta isto, a cineasta bosnia non pretende, tampouco, construír un relato que
abranga a guerra na súa totalidade, senón retratar un momento xusto da mesma,
quizais o máis terrible de todos. Non pode un extraer de Quo Vadis, Aida? aue os serbios foron os culpables de todo o que aconteceu nos Balcáns e que os
demais pobos da península foron completamente inocentes.
Finalmente, tamén acerta Jasmila Zbanic, ao abordar a súa análise da Historia,
con maiúscula, a través dunha historia, con minúscula, profundamente íntima e
dolorosa, a dunha muller que intenta salvar a súa familia da morte, loitando
contra forzas superiores a ela, batendo unha e outra vez contra a realidade,
áspera, terrible. Así, o derradeiro gran acerto de Zbanic é que fuxe do
sentimentalismo, incluso as escenas máis dolorosas son abordadas pola cineasta
de forma aséptica e naturalista, limitándose a perseguir a súa protagonista
como o fai a morte, atopándoa en cada esquina, alcanzándoa inclusive cando
corre, dun lado ao outro, desesperada, buscando unha saída do labirinto no que
se atopan. Incluso cando a vida da protagonista está a piques de saltar polos
aires, non se recrea, non forza un momento de sensibilidade artificial, ata
nese momento a mirada da cámara de Zbanic é dura, implacable. E xusto aí
triunfa, porque sendo unha película tan rotundamente partidista, non pode caer na
manipulación emocional. E non o fai. De tal forma que Quo Vadis, Aida?
remata por ser un filme maiúsculo, cru e demoledor, pero é que non pode haber
outra forma ético-fílmica de abordar un acontecemento histórico tan inhumano como
o de Srebrenica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.