Mostrando entradas con la etiqueta Jamila Zbanic. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Jamila Zbanic. Mostrar todas las entradas

jueves, 22 de julio de 2021

Quo Vadis, Aida? | No laberinto da morte

 


No medio da década de pólvora, sangue e barbarie na que se disolveu Iugoslavia, en xullo de 1995, para ser precisos, o exército serbio de Bosnia, comandado polo coronel Ratko Mladic, entrou na declarada pola ONU zona segura de Srebrenica, facéndose, primeiro, co control da cidade e logo deportando ás mulleres bosnio-musulmanas, que fuxiran da mesma e se atopaban dentro ou ás portas da base militar neerlandesa de cascos azuis, teóricos responsables da zona e da protección da poboación civil. Os homes foron asasinados, co fin de levar a cabo unha limpeza racial. A comunidade internacional, ese concepto, non fixo nada. Srebrenica foi testemuño do maior asasinato masivo acometido, nisto que damos por chamar Europa, dende o final da II Guerra Mundial. Mladic e Radovan Karadzic, líder político dos serbios de Bosnia e considerado autor intelectual da masacre, non foron detidos polo estado de Serbia ata 2011 e 2008, respectivamente. Ambos foron xulgados polo Tribunal Penal para a Antiga Iugoslavia (TPIY). Na actualidade están a cumprir sendas condenas a cadea perpetua.

O filme de ficción bosnio Quo Vadis, Aida? aborda o acontecido durante eses días de verán en Srebrenica. E faino a través da historia dunha profesora bosnio-musulmana, Aida, que traballa como tradutora para os cascos azuis e, polo tanto, goza de protección como persoal da ONU. Ao longo dos días que transcorren dende a chegada de Mladic á cidade e o asasinato dos homes musulmáns, vemos, a través dos seus ollos, como se vai cociñando a masacre e, subsidiariamente, tamén por medio dos do seu marido, que, licencia narrativa, participa na conversa entre o militar ao mando das tropas da ONU e o coronel serbio-bosnio. A mesma, gravada por orde de Mladic, supuxo, basicamente, unha rendición dos cascos azuis e, polo tanto, da ONU. A continuación non so non se protexeu á xente que se apiñaba ás portas da base, senón que se permitiu o acceso das tropas serbio-bosnias ás instalacións das Nacións Unidas, coa escusa de buscar armas entre a poboación e, finalmente, expulsouse do lugar ás persoas alí refuxiadas. A cambio, Mladic asegurou que toda a xente ía ser enviada a territorio controlado polos bosnio-musulmáns. Obviamente mentía. E as forzas de paz sabíano.

Esa é, basicamente, a tese que expón e defende a cineasta Jasmila Zbanic en Quo Vadis, Aida? En Srebrenica cometeuse unha matanza na que foron asasinadas milleiros de persoas e a ONU mirou para outro lado, a pesar de que o fixeron, case literalmente, nas súas narices. Isto, é dicir, ser unha película de tese, que estrutura o relato en torno á demostración da mesma, tomando partido de forma manifesta e militante pola causa bosnio-musulmana, podería ser a maior debilidade do filme. Sen embago, Zbanic logra convertelo nun acerto porque se agradece a honestidade da cineasta e porque precisamente iso, ser honesta, é o que lle permite realizar un filme denuncia no que os serbios se amosan como viláns, e o mundo como cómplice, maniqueo, si, pero non manipulador, que vai de fronte durante as case dúas horas de duración. De feito, que Zbanic decidira relatar o acontecido en Srebrenica a través da ficción, unha reconstrución ficticia obviamente pegada á realidade, pero que inventa personaxes e simula situacións, en vez de empregar a linguaxe, os códigos e os procedementos do cinema documental é, tamén, outro acto que honra a súa mirada. Quo Vadis, Aida? non busca contar a verdade, senón expor o que a cineasta, fielmente documentada, considera que é a verdade sobre a que se cimenta a memoria do seu pobo.

A maiores, tamén poderíamos reflexionar sobre se ao mellor, nese instante preciso da Historia, os serbios foron, efectivamente, a reencarnación do Mal, sen ambaxes, e as potencias globais deixaron que o fosen, case ante os nosos ollos. Cómplices silenciosos da barbarie. Neste senso, non é casual que Zbanic amose sempre ao Mladic ficcionado pegado a un cámara que viaxa con el, rexistrando a gran vitoria da nación serbia. O xenocidio si será televisado e estaremos tan anestesiados ante a dor e a violencia que nos dará igual.

Outra cuestión sería entrar a analizar a fondo as guerras balcánicas, causa e consecuencia da desintegración de Iugoslavia, que se estenderon por toda a década dos 90. Para facer iso precisaríamos unha serie de moitas horas. Tódalas guerras son complexas. Sobre todo no terreo das causas. Como chegamos a isto? Pero as guerras iugoslavas o son máis aínda. Porque nelas combináronse cuestións raciais, relixiosas, territoriais, nacionais e históricas. Unha tormenta perfecta que arrasou con toda a humanidade das persoas e levou a veciños asasinar a veciños, como nas máis cruentas guerras civís. Tendo en conta isto, a cineasta bosnia non pretende, tampouco, construír un relato que abranga a guerra na súa totalidade, senón retratar un momento xusto da mesma, quizais o máis terrible de todos. Non pode un extraer de Quo Vadis, Aida? aue os serbios foron os culpables de todo o que aconteceu nos Balcáns e que os demais pobos da península foron completamente inocentes.

Finalmente, tamén acerta Jasmila Zbanic, ao abordar a súa análise da Historia, con maiúscula, a través dunha historia, con minúscula, profundamente íntima e dolorosa, a dunha muller que intenta salvar a súa familia da morte, loitando contra forzas superiores a ela, batendo unha e outra vez contra a realidade, áspera, terrible. Así, o derradeiro gran acerto de Zbanic é que fuxe do sentimentalismo, incluso as escenas máis dolorosas son abordadas pola cineasta de forma aséptica e naturalista, limitándose a perseguir a súa protagonista como o fai a morte, atopándoa en cada esquina, alcanzándoa inclusive cando corre, dun lado ao outro, desesperada, buscando unha saída do labirinto no que se atopan. Incluso cando a vida da protagonista está a piques de saltar polos aires, non se recrea, non forza un momento de sensibilidade artificial, ata nese momento a mirada da cámara de Zbanic é dura, implacable. E xusto aí triunfa, porque sendo unha película tan rotundamente partidista, non pode caer na manipulación emocional. E non o fai. De tal forma que Quo Vadis, Aida? remata por ser un filme maiúsculo, cru e demoledor, pero é que non pode haber outra forma ético-fílmica de abordar un acontecemento histórico tan inhumano como o de Srebrenica.